VISITA A MILHULLOA
Milhulloa é unha empresa que se adica ao cultivo ecolóxico, transformación e comercialización tanto de plantas medicinais como de hortalizas. Está situada en Palas de Rei, na provincia de Lugo, xunto ó Camiño Francés ó seu paso pola Comarca da Ulloa.
As socias traballadoras, fundadoras desta iniciativa, aproveitaron a posibilidade de crear autoemprego co obxectivo de ofrecer unha alternativa ós cultivos tradicionais que incrementasen a rendabilidade da terra e mellorase a conservación da diversidade.
Ó empregar técnicas de cultivo ecolóxico, Milhulloa obtén produtos de maior calidade para o consumo, á vez que contribúe á conservación do medio ambiente. Entre os criterios de selección de especies a cultivar destacan as plantas autóctonas da Comarca da Ulloa e de valor comercial.
É a única empresa galega que se adica á produción de plantas aromáticas e infusións mediciñais, pero tamén de vexetais deshidratados, oleatos, especias, etc. Encárganse de todo o proceso de elaboración do produto, dende o cultivo ata a súa transformación e comercialización final para a venda.
Ademáis dunha extensión de 10 hectáreas de cultivos e unha pequena industria onde desenvolven a súa actividade produtiva, contan cunha parcela experimental, enfocada á innovación, onde investigan como optimizar os cultivos e garantir a súa calidade e riqueza en principios activos. Tamén realizan talleres de cosmética natural, fitofortificantes e propagación de plantas mediciñais.
A empresa obtivo varios premios nos últimos anos. Pola súa contribución á innovación no entorno rural foron galardoados con dous “Premios Agrarios de Galicia” da Consellería, na modalidade de Muller Rural Emprendedora. No ano 2004, obtiveron un segundo accésit en innovación na Feira Internacional Semana Verde de Galicia. En 2005, recibiron o “Premio á promoción do cooperativismo” nos IV Premios de cooperación, e o 3º Premio AGADER ás iniciativas de desenvolvemento rural. En 2007, conseguiron o “Primeiro premio ás actividades produtivas no medio rural” pola súa contribución e posta en valor do territorio histórico do Camiño Francés.
Milhulloa desenvolve a súa actividade baixo criterios de produción ecolóxicos supervisados a través do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), da que forman parte. Ademáis conta co respaldo do Banco da Muller.
Esta visita levouse a cabo o luns 11 de outubro con 21 alumnos do I.E.S. Nosa Señora dos Ollos Grandes e dous profesores. As socias traballadoras explicaron como xurdiu a idea de montar esta cooperativa, a súa experiencia e o funcionamento da cooperativa. Rematou cun diálogo entre todos e cunha degustación de infusión de melisa, que producen elas mesmas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario